As comisarías da Policía Nacional en Pontevedra, Marín e Vilagarcía incorporan novos efectivos

Pontevedra
02 de xuño 2021

No caso da Comisaría de Pontevedra chegarán o próximo mes de xullo 25 axentes en prácticas e incorpóranse 14 policías máis mediante o novo concurso xeral de méritos. En Marín son 5 de prácticas e 4 trasladados, e en Vilagarcía 6 en prácticas e 4 trasladados

Vehículos da Policía Nacional
Vehículos da Policía Nacional / Mónica Patxot

O secretario xeral do Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Galicia, Roberto González, valorou positivamente a incorporación de 143 novos axentes da Policía Nacional ás comisarías galegas.

Será nas próximas semanas tan pronto se publique a resolución definitiva o vindeiro luns 7 de xuño do concurso xeral de méritos.

Concretamente, segundo adiantou o SUP, para toda Galicia serán 19 subinspectores, 16 oficiais de policía, e 108 axentes.  Para a Comisaría de Pontevedra virán destinados 12 policías, 1 oficial e 2 subinspectores. Para Marín 2 policías, 1 oficial e 1 subinspector e para Vilagarcía só 4 axentes.

Estes novos efectivos "serán un balón de osíxeno importante pero nos seguimos reivindicando que se incremente o persoal", indicou Roberto González.

Ademais o SUP segue reclamando a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) para a comisaría de Policía Nacional de Pontevedra xa que a consideran "imprescindible" para os labores de prevención, como o tráfico de drogas ou vixilancia en centros escolares, ademais da reacción fronte ao delito. De feito, daría servizo non só á cidade de Pontevedra, senón tamén a Vilagarcía de Arousa e Marín.