Os pontevedreses que o desexen poderán fraccionar o pagamento do Imposto de Bens Inmobles, o IBI. Esta medida é unha das novidades avanzadas polo goberno municipal capitalino que traballa estes días na elaboración das ordenanzas fiscais para o ano 2014.
Os interesados terán que solicitalo durante o período establecido, para pagar dentro do propio exercicio económico. Este fraccionamento ao 50% sería ilimitado no tempo, é dicir, non é que se regule só para o próximo ano senón que permanecería en vigor ata que se volva modificar.
Os interesados terán que solicitalo durante o período establecido
Aínda non está fixada a data de solititude pero o máis probable, en función dos datos que remita o Catastro, é que a solicitude se teña que facer entre os meses de marzo e abril.
Segundo explicou o concelleiro de Facenda, Raimundo González, noutros Concellos ou mesmo o ORAL o que fixo foi adiantar o pagamento do IBI "e nos iso non o queremos facer xa que no fondo iso é un adianto de impostos e non un fraccionamento".
No caso de Pontevedra "quen queira fracccionar o pagamento vaino poder facer, pero dentro do exercicio económico, se non nos salta dun ano para outro e iso non pode ser porque temos que telo liquidado a todos os efectos a 31 de decembro para que entre na Conta", explicou Raimundo González.
Esta medida responde a unha solicitude feita por algunhas familias que necesitaban unha maior marxe de manobra por pasar por unha situación económica delicada.