Os populares consideran un "parche" a modificación da normativa de terrazas

Pontevedra
06 de outubro 2017

A pesar de non ter recibido o borrador completo desta modificación, os populares continúan tendendo a man ao goberno local para poder elaborar unha ordenanza "máis ambiciosa e que regule todos as cuestións que se atopan actualmente no aire", segundo César Abal

Terraza dun establecemento hostaleiro PontevedraViva

A modificación que propón o goberno municipal na normativa que regula as terrazas é, segundo o Partido Popular, un "parche" que non resolve todos os problemas que se rexistran na cidade nin aporta unha solución "definitiva".

A pesar de non ter recibido o borrador completo desta modificación, os populares continúan tendendo a man ao goberno local para poder elaborar unha ordenanza "máis ambiciosa e que regule todos as cuestións que se atopan actualmente no aire", segundo César Abal.

Así, engadiron varias suxestións á proposta do Concello.

Entre elas, solicitan que se substitúa a fiscalidade única por unha fiscalidade progresiva, xa que un local que conta tan só cunha mesa e dúas cadeiras "non debería pagar o mesmo" que outro que instale a mesma mesa con catro cadeiras, entenden desde o PP.

Ademais, a formación que encabeza Jacobo Moreira considera fundamental que se teñan en conta os criterios de diversidade de espazos considerando as características propias de cada zona, "xa que non se pode considerar do mesmo xeito a un velador instalado nunha rúa do centro, que outro situado nas zonas periféricas á hora de tributar".

"Os tempos mudaron e Pontevedra non pode seguir contando con normativas do século pasado", manifestou Abal.