Os populares critican que o goberno local sexa "incapaz de ter Sanxenxo limpo"

Sanxenxo
20 de abril 2017

"É evidente que Sanxenxo está sucio", así o asegura o grupo municipal do Partido Popular neste concello turístico que está convencido de que "a Semana Santa deixou unha vez máis en evidencia ao goberno"

Colectores de lixo no concello de Sanxenxo PP de Sanxenxo

"É evidente que Sanxenxo está sucio", así o asegura o grupo municipal do Partido Popular neste concello turístico que está convencido de que "a Semana Santa deixou unha vez máis en evidencia ao goberno".

O PP cita as "numerosas queixas" de veciños e hostaleiros polo mal cheiro dos colectores desbordados de lixo.

Nas súas críticas os populares afirman que "Sanxenxo está sucio porque ten un goberno que non funciona e porque ten unha concelleira irresponsable que non sabe distinguir o rechamante do verdadeiramente importante". 

Finalmente engaden que a concelleira responsable da área "tampouco se preocupa" de que a concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza cumpra o contrato, que é o máis alto do Concello, cun custo anual de 1,2 millóns de euros, e citan entre outros "incumprimentos" que a recollida do lixo do rural só se fai 3 días á semana e non 6 días como establece o contrato na tempada baixa e os 7 da tempada alta.

Tamén din que non se limpan os colectores coa frecuencia debida e cando se fai lávanos na propia rúa, vertendo as augas sucias á vía pública, en lugar de utilizar un camión lava colectores. A recollida de envases e cartón faise manualmente, en lugar de utilizar un camión específico.

A empresa ten contratadas nove persoas menos do que establece o contrato. Así, núcleos de poboación como Sanxenxo e Portonovo, varios días da semana, "só teñen un operario de limpeza viaria" e no caso de Vilalonga e A Revolta "nin sequera iso".

Desde o PP advirten que o "incumprimento reiterado" do contrato de recollida de lixo e limpeza viaria e a "falta de interese" do goberno en facelo cumprir "pode derivar nun delito de malversación de recursos públicos, pois o goberno está a ser cómplice da situación".