Os populares propoñen crear unha vía verde que permita unir o campus coas estacións de tren e autobús

Pontevedra
20 de outubro 2016

Os populares propoñen aproveitar eses treitos en desuso para a creación dunha vía verde, tanto para peóns como para ciclistas, que permita conectar o Campus Universitario coas estacións de tren e autobús

Antiga ponte do ferrocarril en Monte Porreiro
Antiga ponte do ferrocarril en Monte Porreiro / Juan Mejuto

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Pontevedra solicitará a creación dunha vía verde dende a antiga ponte do ferrocarril en Monte Porreiro ata as estacións de tren e autobús.

O grupo popular lembra que no ano 2013, o seu portavoz, Jacobo Moreira, mantivo unha reunión con Fomento en Madrid na que se tratou este asunto e o proxecto tivo unha gran receptividade. 

Así, os populares propoñen aproveitar eses treitos en desuso para a creación dunha vía verde, tanto para peóns como para ciclistas, que permita conectar o campus universitario coas estacións de tren e autobús. "Tería un impacto moi positivo, non só en materia de mobilidade, senón como promoción de rutas de ocio alternativas", dixo o edil César Abal.

MELLORAS EN MOLDES - MOURENTE

Tamén no vindeiro Pleno municipal, os populares solicitarán, a través dun rogo, unha serie de melloras para o lugar de Moldes, en Mourente. 

Tras manter un encontro con diversos veciños da zona, a formación que encabeza Jacobo Moreira, solicitará ao goberno do BNG o asfaltado e limpeza de cunetas nas rúas Valdecorvos, Ángel Limeses, dos Cantos, do Porrelo e Vilaverde, "xa que o abandono destes pavimentos está a provocar importantes dificultades de acceso aos veciños", sinala a concelleira popular, María José Rodríguez Teso.

Ademais, o grupo popular inclúe nestas peticións, o peche do lateral esquerdo do campo de fútbol cunha rede e o acondicionamento dos seus vestiarios; a reforma de diversos lavadoiros do lugar, incluído o da Avenida de Lugo, co que se comprometeu o goberno local antes de iniciar a reforma da rúa no anterior mandato e que aínda non cumpriu; e a reforma do cruceiro sito preto do campo de fútbol xa que o seu abandono provocou a crecida de maleza ao seu arredor.