A corporación municipal de Pontevedra teno claro. A autoestrada AP-9 debe ser transferida polo Ministerio de Fomento a Galicia. Por unanimidade, todos os concelleiros apoiaron a moción presentada polo BNG para reclamar que sexa a Xunta quen asuma a titularidade da principal vía de comunicación galega e poida xestionala de forma directa.
Luís Bará explicou que a AP-9 xa está "máis que amortizada" por parte da empresa concesionaria, Audasa. Apuntou que só en 2015 esta autoestrada xerou uns beneficios de 46 millóns de euros, a pesar do cal segue tendo as tarifas "máis caras" de todo o estado español, tras aumentar un 26% desde o ano 2008.
Ademais de "espolio económico" que está a sufrir Galicia, o BNG denunciou na súa moción o "deficiente" estado de conservación e de servizos no que se atopa a AP-9 ou a redución "constante" do número de traballadores. Todo iso, dixo, avalado por unha concesión que caduca en 2048, tras ser prorrogada 25 anos máis polo goberno de Aznar.
O portavoz de Marea, Luís Rei, reiterou que "xa é hora" de que o Goberno transfira a Galicia a xestión da AP-9; mentres que o concelleiro do PSdeG-PSOE, Iván Puentes, coincidiu con que esta autoestrada é unha vía de interese "fundamentalmente galega" e que é a "historia dun atraco a Galicia" que estamos a pagar todos os galegos desde hai décadas.
A moción contou tamén co apoio do PP. O seu portavoz, Jacobo Moreira, asegurou "discrepar" cos motivos esgrimidos por Fomento para vetar o debate sobre esta transferencia no Congreso dos Deputados e mostrouse partidario, como o goberno galego, de solicitar a transferencia da AP-9 a Galicia.
Moreira lembrou, por outra banda, que o "único avance" que se produciu para reducir o prezo das peaxes nesta autoestrada foi impulsado polo PP, ao bonificar o billete de volta a todos os traballadores que a diario viaxan pola AP-9 entre Pontevedra e Vigo.
APOIO Á VÍA VERDE ATA ARCADE
En materia de infraestruturas, o pleno da corporación tamén apoiou por unanimidade a moción proposta polo BNG para crear unha vía verde entre Pontevedra e Arcade, aproveitando a vía do ferrocarril que quedou en desuso coa entrada en funcionamento do eixo atlántico de alta velocidade.
Os nacionalistas reiteran que así se podería aproveitar un itinerario duns dez quilómetros para mellorar a mobilidade peonil e ciclista entre Arcade e Pontevedra de forma "segura e sustentable". Esta transformación tería un custo "non moi elevado" e un impacto "moi positivo" para a mobilidade e para a promoción turística da comarca.
Fomento "non mostrou ningunha receptividade" para que se poida habilitar esta vía verde, segundo Bará, algo que contrastou co proxecto que si recibiu a autorización do Goberno para habilitar unha vía verde entre Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis.
A oposición apoiou esta iniciativa, a pesar de que María Rey pediu unha planificación "seria" e acorde ás necesidades do proxecto; mentres que Iván Puentes insistiu en que lle parecen "absurdos" os motivos de Fomento para non desafectar este trazado, que o ministerio quere reservar para tráfico de mercadorías.
Esta unanimidade non se repetiu na moción que presentaba o PP para crear tamén unha vía verde entre a antiga ponte do tren en Monte Porreiro e a estación de autobuses, para mellorar a mobilidade peonil e ciclista neste ámbito. O edil César Abal, que defendía esta proposta, destacou que tería un impacto "moi positivo" na cidade e criticou o estado de "abandono" no que se atopa.
A pesar diso, tan só recibiu o apoio de Marea e o PSdeG-PSOE. A portavoz de Cidadáns sinalou que este itinerario "carece de sentido", mentres que Luís Bará engadiu que é "absolutamente inviable" ao non encaixar cos criterios que marcha a normativa para a posta en marcha dunha vía verde.