A concelleira do Partido Popular, Silvia Junco, urxiu ao Concello de Pontevedra a retirada do transformador do colexio de Barcelos.
A edil popular lembrou que o goberno local alcanzou un acordo técnico cos responsables de Unión Fenosa en xaneiro do 2019 para levar a cabo esta mellora. "Cremos que se cumpriu o tempo suficiente como para que a administración local articulase xa o traslado comprometido, e máis cando se trata dunha contorna escolar no que debe primar a seguridade do alumnado", destacou Junco.
A concelleira do PP, que forma parte do Consello Escolar deste centro educativo, sinalou que transcorreron xa dez meses desde anunciou que estaban a elaborar o prego de condicións para o deseño do proxecto e a execución da obra "e seguimos igual. Non se avanzou" polo que no grupo municipal do PP "preocúpanos que o Concello non estea a conceder suficiente axilidade á obra".
A comunidade educativa de Barcelos leva anos demandando o traslado do transformador eléctrico situado na entrada do centro de ensino, para que quede soterrado fóra do recinto do colexio e deixe de supoñer un perigo para os nenos.
A popular comprometeuse a facer un seguimento deste asunto que considera "que debe ser prioritario para o Concello".