Os Praceres terá novo campo de fútbol

Pontevedra
17 de febreiro 2016

A comisión municipal de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos do Concello de Pontevedra aprobou por unanimidade construír un novo campo de fútbol na parroquia dos Praceres

Campo de fútbol de Praceres
Campo de fútbol de Praceres /

A comisión municipal de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos do Concello de Pontevedra aprobou por unanimidade construír un novo campo de fútbol na parroquia dos Praceres.

Na reunión celebrada este martes incluíuse unha modificación á proposta inicial presentada polo Partido Popular, no que se insta á xunta de goberno a que en primeiro termo busque os terreos e despois, nunha seguinte fase, se acometa o proxecto.

PRAZA DA CASTAÑA

Esta comisión desestimou ademais a proposta do grupo municipal de Marea Pontevedra na que se pedía a reforma completa da Praza da Castaña, coa inclusión dun parque infantil.

Segundo explicou o concelleiro Luís Bará "dictaminouse en contra porque xa se acometeron dúas reformas nesa zona", aínda que non se descarta completar o actual deseño da praza coa plantación dun castiñeiro e a colocación de asentos de madeira na actual bancada de pedra.

LABORES DE PODA

O goberno local tamén trasladou a súa "satisfacción" pola "melloría" que percibe no traballo que da nova concesionaria do servizo de xardíns.

Ademais, o concelleiro Luís Bará informou os membros da Comisión de Obras que estes días están a levarse a cabo labores de poda na zona das Palmeiras, a Alameda, Praza de Galicia e en Campolongo.

Nos próximos días estes traballos trasladaranse á Avenida de Buenos Aires e Monte Porreiro.

XUNQUEIRA DE ALBA

O goberno local tamén comunicou aos grupos da oposición que ten proxectado retirar a pasarela de madeira da zona da Gándara, na Xunqueira de Alba, cuxo grave deterioración provocou que fose pechado o acceso.

Ademais está prevista a reposición da iluminación tras o roubo do cableado e a construción dunha ponte de madeira.