Os Premios Sofía Novoa recoñecen o compromiso coa igualdade de dúas universitarias de Pontevedra e unha de Bueu

Pontevedra
26 de decembro 2023

Na modalidade de Traballos de Fin de Máster, o xurado decidiu premiar a Cristina Pérez Carmuega, de Pontevedra, e a Raquel Álvarez Martínez, de Bueu. En Traballos de Fin de Grao, os premios foron para Carmen María Caeiro Rodríguez, de Ponteareas, e María Luisa Silvela Costoya, de Pontevedra 

Acto de entrega dos II Premios Sofía Novoa Ortiz
Acto de entrega dos II Premios Sofía Novoa Ortiz / Mónica Patxot

Os premios Sofía Novoa, cos que a Deputación de Pontevedra recoñece a inclusión da perspectiva de xénero en catro traballos de fin de grao e fin de máster da Universidade de Vigo, recoñecen este ano o talento e o compromiso de dúas universitarias de Pontevedra, unha de Bueu e unha cuarta de Ponteareas. 

Na modalidade de Traballos de Fin de Máster, o xurado decidiu premiar con 1.000 euros a Cristina Pérez Carmuega, de Pontevedra, polo seu traballo 'Xogos e xoguetes tecnocientíficos na Educación Infantil: análise dende unha perspectiva de xénero', e a Raquel Álvarez Martínez, de Bueu, por 'Mulleres, arte e literatura: 3 vértices posibles dunha intervención didáctica promotora do desenvolvemento sostible na Educación Infantil'.

Na modalidade de Traballos de Fin de Grao, os primeiros premios foron para Carmen María Caeiro Rodríguez, de Ponteareas, polo seu traballo 'Introdución da Axenda 2030 con perspectiva de xénero na Educación Primaria: A asamblea como recurso', e María Luisa Silvela Costoya, de Pontevedra, por 'O corpo como lugar de resiliencia'. Reciben unha dotación económica de 1.000 euros cada unha.

Os premios tamén buscan poñer en valor a figura de Sofía Novoa, unha pianista e pedagoga viguesa cun grande compromiso coa cultura, que para que as mulleres puideran ocupar os espazos públicos e tamén unha das artífices dun ambicioso e pioneiro programa educativo que posibilitou o acceso á educación superior de moitas mulleres.