Os primeiros composteiros comunais estarán disponibles no primeiro trimestre de 2016

Pontevedra
18 de setembro 2015

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou que están en redacción as bases para que os concellos presenten os seus proxectos de actuación

Reunión sobre a compostaxe na Deputación de Pontevedra
Reunión sobre a compostaxe na Deputación de Pontevedra /

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, anunciou este venres que os concellos da provincia poderán ter instalados os seus primeiros composteiros comunais no primeiro trimestre do vindeiro ano.

Así o indicou no encontro celebrado con máis de 60 representantes dos municipios da provincia para analizar a viaxe organizada pola Deputación a Navarra (que tivo lugar do 7 ao 10 deste mes),  e no que se deron as pautas de actuación para acadar o apoio técnico e económico provincial aos proxectos que xurdan.

Mosquera explicou que a Deputación está traballando en tres liñas de actuación neste momento para acadar o horizonte de ter instalados nos primeiros meses do ano esas 54 pequenas instalacións. Nelas trataranse 'in situ' os residuos xerados nas cociñas de entre 80 e 300 veciños da zona, o que se denomina tecnicamente fracción orgánica do lixo municipal (FORM), que se misturará con estruturante para obter como resultado compost.

Os técnicos provinciais están traballando xa na redacción das bases para a selección de proxectos que presenten os concellos (onde deben figurar o emprazamento do composteiro e a xustificación da implicación social no contorno, entre outros aspectos). Unha vez feitos públicos os requisitos básicos, os gobernos locais terán un prazo de un mes e medio para achegar as súas solicitudes.

Por outra banda, xa está listo o prego para a compra e subministro dos composteiros que se distribuirán pola provincia, que serán de 12 metros cúbicos e agrupables en múltiplos de tres. O financiamento para a súa adquisición será aprobado no Pleno da Deputación deste mes, ao que irá unha modificación de crédito que roldará o millón de euros.

Finalmente, xa está en marcha a organización dun curso de formación para que os mestres composteiros que se fagan cargo das instalacións comunais teñan os coñecementos necesarios.