Os químicos galegos premian á fábrica de ENCE pola súa sustentabilidade

Pontevedra
18 de novembro 2023

A fábrica que Ence ten en Pontevedra foi premiada este sábado polo Colexio Oficial de Químicos de Galicia "pola súa aposta pola produción circular" a través de "un negocio sostible que protexe o medio e busca o beneficio da sociedad"

Entrega a Ence do Premio á Excelencia Química Empresarial de Galicia
Entrega a Ence do Premio á Excelencia Química Empresarial de Galicia / Colegio Oficial de Químicos de Galicia

A fábrica que Ence ten en Pontevedra foi premiada este sábado polo Colexio Oficial de Químicos de Galicia "pola súa aposta pola produción circular" a través de "un negocio sostible que protexe o medio e busca o beneficio da sociedad".

Foi no transcurso dun acto que se celebrou en Baiona e que estivo presidido pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.

Ence recibiu o Premio á Excelencia Química Empresarial de Galicia, "por establecer procesos acordes co seu compromiso no desenvolvemento dun negocio sostible baseado na protección das persoas e o medioambiente e en procura do beneficio de Galicia".

O colexio valorou o modelo de produción da factoría "enfocado en minimizar os efectos no cambio climático a través da fixación de carbono nos seus bosques, ao emprego da biomasa como fonte xeradora de enerxía renovable na súa fábrica de celulosa".

O decano do colexio, Manuel Rodríguez Méndez, destacou que a distinción "non é un cheque en branco", senón que pretende ser un recoñecemento "que sirva de acicate para que os seus xestores sigan facendo deste proxecto un modélico exemplo de xestión no sector químico".

Antonio Casal, que acudiu acompañado da directora da factoría, Esther Couceiro, agradeceu o recoñecemento dos químicos galegos en nome de todos os traballadores.

O director territorial de Ence en Galicia subliñou que este premio "é testemuña do esforzo e dedicación no camiño pola excelencia e supón un impulso para mellorar cada día", especialmente despois de que os últimos anos "non foran fáciles".

Defendeu que a compañía e a súa planta de Pontevedra seguirán traballando "na innovación, na seguridade e na sustentabilidade" e comprometeuse ante os químicos galegos "a seguir sendo líderes na industria química".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora