Os rapaces na escola andan a voltas coa compostaxe

O Salnés
21 de marzo 2017

O colexio Valle Inclán do Grove é un dos 16 centros escolares da provincia que nas últimas semas está "A voltas coa compostaxe". Este título dun dos obradoiros da Deputación resume o traballo feito no centro educativo, onde os nenos participaron en diferentes actividades coa fin de aprender como xestionar o lixo orgánico de xeito ambientalmente sostible

Obradoiros de compostaxe Deputación de Pontevedra

O colexio Valle Inclán do Grove é un dos 16 centros escolares da provincia que nas últimas semas está "A voltas coa compostaxe". Este título dun dos obradoiros da Deputación resume o traballo feito no centro educativo, onde os nenos participaron en diferentes actividades coa fin de aprender como xestionar o lixo orgánico de xeito ambientalmente sostible.

Co obradoiro "Quen vive aí?" os pequenos descubriron a "vida interior" que hai nos composteiros identificando os invertebrados que participan activamente no proceso para obter o compost: coñeceron os distintos tipos de bichos colléndoos eles mesmos e observándoos con material de aumento.

O alumnado do colexio tamén participará o vindeiro venres mes nunha visita ao centro de compostaxe comunitario que a Deputación ten instalado no Concello do Grove, onde verán de primeira man o que xa descubriron nas aulas.

Será a culminación do traballo sobre compostaxe realizado no centro dende o mes de febreiro. Primeiro os profesores participaron nunha xornada de formación para docentes e despois, grazas aos monitores do CEIDA, os nenos tiraron proveito das actividades denominadas "Xogos sobre residuos", "Poñendo en marcha o composteiro" ou "A voltas coa compostaxe" dirixidos diferentes idades.

A intención destes obradoiros, que a Deputación realiza ao abeiro do Plan Revitaliza, é concienciar ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.