Os Reis Magos dividiranse na súa visita a Marín e percorrerán en coches todo o rural

Marín
30 de decembro 2021

O aumento das restricións pola covid-19 obrigou ao Concello de Marín a buscar un plan alternativo á tradicional cabalgata de Reis. Así, Melchor, Gaspar e Baltasar repartiranse en tres espazos diferentes e, ao remate da recepción, percorrerán todo o rural en coches

Os Reis Magos en Marín Concello de Marín

O aumento das restricións pola covid-19 obrigou ao Concello de Marín a buscar un plan alternativo á tradicional cabalgata de Reis. Así, Melchor, Gaspar e Baltasar repartiranse en tres espazos diferentes e, ao remate da recepción, percorrerán todo o rural en coches.

Esta cabalgata estática estará operativa entre as 18:00 e as 20:00 horas do próximo 5 de xaneiro, repartida no lateral do Concello, a Avenida de Ourense e o inicio de Ezequiel Massoni.

O goberno municipal optou por estes espazos, explica a edil de Festas, Marián Sanmartín, porque na Alameda ou no Parque Eguren xa hai outras actividades e así "podemos dinamizar outros espazos e evitamos a concentración de persoas nun mesmo punto".

En cada un destes enclaves, haberá animación e moito control por parte tanto da Policía Local coma de Protección Civil, para garantir en todo momento que non se dan grandes concentracións e que a mobilidade sexa fluída.

Si que se repartirán caramelos entre os máis pequenos da casa, pero será a través dos paxes reais, con previa desinfección de mans.

Unha vez cheguen as oito da tarde, as Súas Maxestades subirán a uns vehículos para iniciar un percorrido que transitará polas zonas distintas ás habituais, para achegar a cabalgata a todos os lugares, tanto no centro urbano coma no rural.

O obxectivo é que as persoas poidan ver pasar á comitiva real desde as súas casas.

Por outra banda, Marín non celebrará a festa infantil de Fin de Ano de mañá do xeito no que estaba programado. Deste modo, todo se realizará na carpa da Alameda, que ofrecerá o servizo de ludoteca con música animada e unha bolsa de cotillón.

No que respecta á véspera de Reis, tamén se suspende o Orfeón de Reis de Ardán.