Os Reis Magos visitan Poio antes da súa noite máis especial

Poio
05 de xaneiro 2022
Actualizado: 19:51

As súas Maxestades de Oriente visitaron as cinco parroquias de Poio en coche, despois foron recibidos polo alcalde e membros da corporación local e terminaron a xornada recibindo o agarimo de nenas e nenos na Seca

Os Reis Magos en Poio
Os Reis Magos en Poio / Concello de Poio

Os nenos e nenas de Poio tiveron este mércores a oportunidade de saudar aos Reis Magos antes de que afronten a súa noite máis longa e especial, na que repartirán agasallos a todos os pequenos.

Durante boa parte da mañá percorreron en coche as cinco parroquias do municipio, empezando polo parque Rosalía de Castro, en Ferreirós, para pasar despois pola igrexa de San Salvador, o parque de Costa Xiráldez de Lourido, a Praza da Granxa de Campelo, a Praza da Chousa de Combarro, a Praza Alfredo Romay de Samieira e o porto de Raxó.

Despois do roteiro As súas Maxestades de Oriente foron recibidas no Concello polo alcalde e membros da corporación local, e gravaron un vídeo para  transimitir os seus mellores desexos aos nenos que estes días atópanse confinados.

Por último a xornada terminaba na Seca, onde Melchor, Gaspar e Baltasar protagonizaron unha cabalgata estática para saudar a todos os pequenos que ata alí se achegaron. A cita resultou todo un éxito e ao longo da tarde pasaron por alí arredor de 900 persoas, desde as 16.30 horas, cando comezou a animación xeral.

Os Reis chegaron as 17.30 e saudaron ás persoas que os agardaban desde tres embarcacións especiais engalanadas para a ocasión.

Tanto os Reis como o Concello agradecen o labor de Protección Civil, das agrupacións que participaron na animación ao longo de toda a xornada e ao persoal municipal, que velou polo cumprimento do dispositivo de seguridade que evitou aglomeracións e controlou saídas e acesos.