Os residentes en Caldas acaparan as visitas guiadas e os turistas os aloxamentos

Umia
11 de agosto 2021

Desde a Oficina Municipal de Turismo de Caldas de Reis celebran os bos datos tanto de seguimento das visitas guiadas como de chegada de turistas, alentados sobre todo polo Camiño Portugués a Santiago e que propiciaron que os aloxamentos estean a rexistrar un 100% de ocupación

Visita guiada por Caldas de Reis Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis a través da Oficina Municipal de Turismo puxo en marcha este verán un ciclo de visitas guiadas pola Vila Termal destinadas tanto a visitantes como a veciños e veciñas que desexen descubrir máis sobre o lugar no que viven. A iniciativa que se desenvolve desde o mes de xullo cada mércores pola mañá está gozando dunha excelente acollida. Destaca a participación, precisamente, de persoas residentes en Caldas interesadas por coñecer máis sobre a historia da súa vila.

O percorrido realizado durante as visitas comeza no Auditorio Municipal, onde se expón a réplica do Tesouro de Caldas, un dos máis importantes de cantos se descubriron na Península Ibérica e cuxas pezas orixinais se expoñen no Museo de Pontevedra.

O itinerario continúa pola Fonte da Burga onde se explica a relevancia histórica dos recursos termais para Caldas de Reis desde as súas orixes, particularmente na  época romana. Tamén se fala sobre o termalismo e o Balneario Dávila, para proseguir pola rúa Real e compartir coas persoas participantes os segredos que agochan algunhas casas fidalgas e soportais dunha das rúas máis fermosas e mellor conservadas do casco urbano.

A continuación coñécese a ponte romana do Bermaña e o Campo da Torre, onde se situaba a antiga Torre de Dona Urraca, cuxas pedras forman agora parte da Igrexa de Santo Tomé. A visita continúa pola Tafona, prosegue cara ao Balneario Acuña e logo cara á Igrexa de Santa María e a ponte da Ferraría. Por último visítase a praza das Palmeiras e a Igrexa de Santo Tomé, para rematar no Xardín Botánico declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Segundo explican desde a Oficina Municipal de Turismo, as persoas participantes nas visitas, moitas delas caldenses, quedan sorprendidas pola riqueza histórica, patrimonial, termal e natural que enche Caldas de Reis e fan unha gran valoración da iniciativa.

 

AUMENTO DE VISITANTES E OCUPACIÓN TOTAL

Caldas de Reis está vivindo este verán unha repunta moi importante na afluencia de turistas con respecto ao ano pasado, tan marcado pola pandemia.

A Oficina Municipal de Turismo recibiu nas dependencias situadas no Centro Comarcal a máis de 600 visitantes durante o mes de xullo que se achegaron a solicitar algún tipo de información. Detectouse sobre todo un incremento moi forte no número de peregrinos que camiñan cara a Compostela seguindo o Camiño Portugués.

A maior parte do turismo recibido é de procedencia nacional, aínda que tamén aumentou a chegada de visitantes internacionais. A motivación principal pola que visitan Caldas é a do ocio enmarcado nun periplo pola zona das Rías Baixas. O segundo factor de atracción turística é o Camiño de Santiago, seguido do termalismo e os recursos naturais e gastronómicos.

A ocupación actual dos aloxamentos turísticos de Caldas é do 100% e as perspectivas para o que resta do mes de agosto e para setembro son tamén moi boas, o que está provocando unha gran satisfacción no sector.