O Concello de Moraña vén de incorporar sete traballadores temporais que permitirán reforzar, durante todo este ano, o acondicionamento das pistas e das zonas rurais así como a apertura e atención da biblioteca.
Este persoal, que acaba de iniciar recentemente a súa actividade laboral no municipio, vai estar contratado a xornada completa por un período de dez meses grazas a un investimento de 133.124 euros, que será financiado ao 80% pola Deputación de Pontevedra –que achega un total de 104.523 euros– mentres que o 20% restante será sufragado con fondos propios.
En concreto, as incorporacións ao persoal municipal correspóndense con catro peóns forestais, un peón transportista, un monitor de servizos á comunidade e un tractorista.
Todos eles foron recibidos polo alcalde de Moraña, Sito Gómez, que lles deu a benvida e encomendoulles as súas primeiras tarefas co obxectivo de "manter no mellor estado as nosas estradas, as nosas parroquias e os equipamentos e servizos públicos municipais para ter atendidos aos morañeses e que sentan apoiados, como sempre, polo seu Concello".
O rexedor cualificou este reforzo do persoal de "fundamental para que os concellos, especialmente os máis pequenos como o noso, funcionen da mellor maneira posible, xa que estes traballadores permiten que cheguemos a practicamente todos os sitios e a resolver todas as necesidades".
Finalmente, o alcalde destacou que o Concello dispoñerá, ao amparo do Plan +Provincia da Deputación, un orzamento de 544.893 euros, o que supón un incremento dun 8% respecto ao exercicio anterior.