Os sindicatos volven á rúa ante a preocupación polos últimos peches de empresas na comarca

Pontevedra
24 de xuño 2014

O lema da convocatoria promovida por CIG, UGT e CC.OO. será "Polo emprego e contra a represión". A marcha partirá o xoves ás 20:30 horas da Ferrería para rematar ante a Subdelegación do Goberno

Os secretarios comarcais de UGT, CIG e CC.OO. durante a presentación da manifestación PontevedraViva

Os tres principais sindicatos, UGT, CC.OO. e CIG convocaron unha nova manifestación para reclamar medidas de creación de emprego e denuncian a empresa que, segundo afirman os seus responsables comarcais, se está a levar a cabo contra os traballadores e sindicalistas.

A marcha está prevista para este xoves 26 de xuño ás 20:30 horas. Sairá da Praza da Ferrería e, despois de percorrer o centro de Pontevedra, finalizará na Subdelegación do Goberno.

Esta mobilización que os tres sindicatos organizan unicamente en Pontevedra débese, segundo expuxeron os secretarios comarcais na presentación, á situación de importantes empresas da bisbarra como o peche de Montajes Novarue en Marín e a agonía que sofren entidades como Construcciones Crespo ou a fábrica de Tafisa en Ponte Caldelas. José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., tamén destacou a gravidade da situación que atravesa Factoría Naval de Marín que se encontra en preconcurso de acredores. Segundo sinalaba, o peche de empresas de carácter industrial supón unha perda de emprego "que non se vai recuperar".

Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, indicou que esta protesta é unha chamada de atención cara ao Goberno central e cara á Xunta de Galicia para que cambien as súas políticas por supoñer "unha presión para vos traballadores" e sinalou que a modificación tributaria segue nesta mesma liña obrigando a que tributen as indemnizacións por despedimento improcedente.

Por último, Marcos Conde, máximo responsable comarcal da CIG, lamentou a situación de precariedade laboral en sectores como o da sanidade pública reducindo as substitucións durante o verán e criticou os plans de traballo como o da Deputación que, segundo expresou, serven para enmascarar os datos do paro.