Os socialistas advirten de que están "en xogo" os proxectos previstos a ámbalas marxes da ría se gaña a dereita

Pontevedra
12 de xullo 2023

Cunha andaina lembraron que están en proceso os proxectos que permiten finalizar o paseo peonil a Marín, a conexión de Combarro con Bora a través de sendas e a conexión da Puntada con Mollavao a través dunha pasarela peonil pola ponte da autoestrada

Representantes socialistas no paseo pola ría de Pontevedra
Representantes socialistas no paseo pola ría de Pontevedra / PSOE de Pontevedra

A candidata socialista ao Congreso Marica Adrio e os portavoces municipais do PSOE de Pontevedra e Poio, Iván Puentes e Gregorio Agís; acompañados por outros integrantes da agrupación realizaban este martes un percorrido de 1,2 quilómetros do paseo peonil entre Marín e Pontevedra.

Adrio sinalou durante este camiñada que Costas do Estado xa ten en marcha a redacción do proxecto que permitirá completar os 800 metros que restan para unir este tramo coa pasarela de madeira que utilizan as mariscadoras para baixar ao areal de Praceres. Desta forma uniríanse os municipios de Pontevedra e Marín, unha demanda da cidadanía que contará cunha nova pasarela metálica de 2,5 metros de ancho.

Iván Puentes lembrou que boa parte do que realice o goberno municipal de Pontevedra dependerá de quen goberne en España durante a nova lexislatura alertando de que hai moito "en xogo".

Entre os proxectos pendentes sinalou, xunto a Gregorio Agís, a construción dunha rede de sendas que conecte Combarro con Bora pola beira do Lérez e a creación dunha pasarela peonil, unida á autoestrada AP-9, que conecte o barrio pontevedrés de Mollavao coa Puntada, en Poio. Indicaron que esta opción permitirá contar cun miradoiro sobre a ría de Pontevedra.