Ante unha Xunta de Galicia que ven "acuartelada", os socialistas de Pontevedra esixiron ao goberno galego que "alivie o peso" que os concellos soportaron durante a xestión da crise sanitaria do coronavirus e cre un fondo extraordinario de 300 millóns de euros.
Este diñeiro, segundo o secretario xeral do PSdeg-PSOE en Pontevedra, David Regades, debe servir para compensar a "auténtica sangría económica" que os municipios están a sufrir por abordar cuestións que non son da súa competencia.
"Non pode ser que os municipios estean a afrontar en solitario os gastos extraordinarios desta crise", sinalou Regades, que destacou que o "único auxilio económico" para eles chegou desde a Deputación de Pontevedra.
A xuízo do dirixente socialista, a "pinga que colmou o vaso da paciencia" dos alcaldes é que os 17 millóns do fondo social extraordinario transferidos polo Goberno a Galicia están "nun caixón" da Xunta e só repartirá "esmola" entre os concellos.
Son os entes municipais, segundo David Regades, os que están a repartir máscaras de protección, realizando traballos de desinfección, repartindo ordenadores, aprobando medidas de apoio económico a comerciantes e autónomos, conxelando taxas ou asumindo servizos á cidadanía que non son da súa competencia.
"A Xunta limítase a gastar diñeiro en publicidade e trucos", afirmou o responsable do PSdeG-PSOE en Pontevedra, que alerta que aos alcaldes "non lles dan os números" e que lles resulta "imposible" rebaixar a fiscalidade sen comprometer o seu equilibrio económico.
Regades asegura que os concellos están "máis espremidos que nunca" e están a facer "cousas inimaxinables" para saír adiante, mentres a Xunta de Galicia "segue coas portas e xanelas pechadas, o aire acondicionado a lume de biqueira e á súa cantilena burocrática".