A portavoz de Educación do grupo socialista, Concepción Burgo, presentará na Comisión de Educación que se celebra no Parlamento de Galicia este mércores unha proposición non de lei para solicitar a integración da Escola Superior de Conservación e Restauración de Pontevedra no Sistema Universitario de Galicia.
A deputada socialista sinala que a escola ten que facer fronte a unha "forte competencia" das universidades que implantaron o título de grao en Conservación e Restauración, e que logo da implantación do Plan Bolonia teñen idéntica duración e carga docente que a escola pontevedresa. A diferenza é que mentres estas conceden un título universitario, "as escolas conceden un título superior equivalente pero que non é un título universitario".
Burgo advirte que o seu estatus xurídico feble e as diferentes condicións de alumnos e profesores fan que cada vez máis alumnos opten por cursar un grao universitario e non os estudos dunha escola. Os alumnos pasan por alto a "excelente reputación pola súa longa experiencia e polo bo traballo que realiza" e escollen a opción universitaria, deixando á escola de Pontevedra "correndo o risco de non sobrevivir".
Os socialistas reclaman a integración da escola no sistema universitario no menor tempo posible "para conseguir o seu mantemento e consolidación", e "independentemente das decisións que se tomen en torno ás Ensinanzas Artísticas Superiores, cuxas reclamacións apoiamos".
Os socialistas urxen solucionar o problema específico da Escola de Conservación e Restauración porque "neste momento xa existen titulacións universitarias que están facendo competencia directa a centros como o de Pontevedra, e que están deixando nunha situación de indefinición académica e profesional aos magníficos titulados da escola".