Os socialistas reclaman ao Concello unha actuación integral en Mollabao

Pontevedra
23 de xaneiro 2017

O PSOE fai súas as reivindicacións dos veciños de Mollabao. Tras reunirse con eles hai uns días, nun encontro convocado pola colectivo Masa Crítica, os socialistas presentarán unha moción ao pleno para esixir ao BNG que actúe de forma inmediata no barrio

Ponte da Autopista na rúa Rosalía de Castro
Ponte da Autopista na rúa Rosalía de Castro / Diego Torrado

O PSOE fai súas as reivindicacións dos veciños de Mollabao. Tras reunirse con eles hai uns días, nun encontro convocado pola colectivo Masa Crítica, os socialistas presentarán unha moción ao pleno para esixir ao BNG que actúe de forma inmediata no barrio.

O edil Iván Puentes asegura que os veciños se queixan do "abandono" que sofre o barrio, polo que instarán o goberno municipal a elaborar un plan de actuación integral sobre os espazos públicos de Mollabao.

Así, o PSOE pide ao Concello que se rehabiliten os espazos deportivos situados debaixo da ponte da autoestrada porque o seu estado actual é "lastimoso".

Os veciños tamén mostraron o seu malestar polo excesivo ruído que produce o paso dos coches por esta ponte, polo que Iván Puentes pediu que o Concello contacte con Fomento para estudar algunha medida que poida reducir estas molestias.

O grupo municipal socialista propón habilitar prazas de aparcadoiro, identificadas como de servizos, que permitan deixar aos pacientes na Casa do Mar, especialmente aqueles con mobilidade reducida; ou que se incremente a presenza da Policía Local na zona, sobre todo á hora da entrada e saída do colexio.

Ademais, os socialistas reclaman mellorar a limpeza do barrio. Entenden que o número de colectores de lixo é "insuficiente" e que non se actúa sobre os propietarios das leiras que están "absolutamente abandonadas".

Instalar elementos reductores de velocidade na PO-546, recuperar a antiga parcela do guindastre como aparcadoiro disuasorio ou negociar coa Xunta a cesión do viario entre Manuel del Palacio e Pontemuíños completan as propostas que recolle a moción do PSdeG-PSOE.