Proxectan humanizar o primeiro tramo de Mollabao e crear unha nova conexión con Beiramar

Pontevedra
21 de xuño 2017

A reforma urbana chega a Mollabao. O Concello de Pontevedra presentou hoxe un estudo para humanizar o primeiro tramo da PO-546, a estrada vella a Marín, entre a rotonda de Fernández Ladreda e a ponte do tren, á altura do aparcadoiro disuasorio, un proxecto que incluirá unha nova conexión coa avenida de Marín, en Beiramar

Tramo da rúa Rosalía de Castro, en Mollavao
Tramo da rúa Rosalía de Castro, en Mollavao / Mónica Patxot

A reforma urbana chega a Mollabao. O Concello de Pontevedra presentou hoxe un estudo para humanizar o primeiro tramo da PO-546, a estrada vella a Marín, entre a rotonda de Fernández Ladreda e a ponte do tren, á altura do aparcadoiro disuasorio, un proxecto que incluirá unha nova conexión coa avenida de Marín, en Beiramar.

O edil de Ordenación do Territorio, César Mosquera, explicou este mércores os detalles deste proxecto, valorado inicialmente en preto de 3 millóns de euros.

Este tramo da PO-546, duns 600 metros, adoptará a mesma solución que o resto da rúa Rosalía de Castro, desde a Audiencia de Pontevedra. Así, o viario pasará a contar cun único carril de saída da cidade, ampliaranse as beirarrúas, instalaranse medidas de acougado de tráfico e reordenaranse os aparcadoiros.

Para poder restrinxir a circulación, o Concello necesitaba facilitar unha nova conexión entre esta estrada e a avenida de Marín, para dar continuidade ao tráfico que chegaba desde Pontemuíños, Lourizán e Marín, buscando acceder ao centro da cidade.

Despois de barallar varias opcións, o goberno municipal decantouse pola creación dun novo viario que, partindo dunha rotonda de nova construción na PO-546, atravesará a parcela de Costas que se usa como aparcadoiro disuasorio -onde habitualmente se instalan os circos- e conectará coa avenida de Marín.

En principio sería unha rúa de dobre sentido, que substituirá ao camiño de terra que existe actualmente e que se atopa en moi mal estado, e permitiría "permeabilizar" a circulación nesta zona, segundo sinalou Mosquera.

Esta actuación incluirá, ademais, a reforma integral do actual aparcadoiro disuasorio, que sería rehabilitado e reordenado. Tamén se pretende incluír no proxecto o aproveitamento dos terreos situados baixo a ponte da autoestrada e a reforma da rúa Simón Bolivar, que dá acceso á Casa do Mar.

Este proxecto necesita da aprobación de Costas, que segundo o Concello xa o autorizou verbalmente, e da Xunta de Galicia que, como titular da PO-546, tería que transferir o primeiro tramo da estrada á administración municipal, algo para o que o goberno galego xa mostrou a súa disposición.