Os socialistas reclámanlle á Xunta "o orzamento escamoteado ao polideportivo da Parda"

Pontevedra
05 de novembro 2014

Patricia Vilán lembra que o goberno galego débelle 1,4 millóns de euros á cidade de Pontevedra polo investimento conxelado nesta infraestrutura

Estado de abandono do proxecto do Complexo Lúdico-deportivo da Parda Mónica Patxot

A deputada socialista Patricia Vilán demandoulle este mércores á Xunta que reinvista en infraestruturas deportivas na cidade de Pontevedra os 1,4 millóns de euros que mantén conxelados do compromiso para construír o centro lúdico e polideportivo de A Parda. A iniciativa foi rexeitada polo PP na Comisión Institucional celebrada este mércores no Parlamento.

A responsable socialista dixo que "os cidadáns de Pontevedra teñen dereito a recibir da Xunta de Galicia unha compensación polos investimentos que se deixaron de facer" para unha cidade que ten unha alta demanda de infraestruturas deportivas. Vilán lembrou así que o goberno galego "débelle" á cidade este centro dende a sinatura do convenio en 2005.

Dito acordo asinado entre Xunta, Concello e Deputación prevía a execución do campo municipal de fútbol de Pasarón e o polideportivo, por un investimento inicial de 2,7 millóns iniciais que tivo que ser ampliado con outros 1,47 en 2007. Malia as previsións, a crise da empresa adxudicataria en 2009 provocou a paralización das obras, sen que o actual goberno teña feito absolutamente nada para o seu reinicio.

BLOQUEO DA INVERSIÿN NA ESTRADA ENTRE PONTEVEDRA E VILAGARCÍA

A deputada socialista Patricia Vilán tamén presentou varias iniciativas parlamentarias nas que acusa ao goberno galego de ter seis anos paralizado o investimento en seguridade "urxente e imprescindible" para a mellora da seguridade na estrada PO-531 que une Pontevedra e Vilagarcía.

Vilán anunciou que os socialistas presentarán unha emenda aos orzamentos para incluír o investimento en seguridade desta vía.