Os socorristas das praias de Marín atenderon 481 incidencias durante o mes de agosto

Marín
02 de setembro 2020

O servizo de socorrismo mantívose activo nos areais Portocelo, Mogor, Aguete, Loira e O Santo

Probas dos socorristas de Marín na praia de Mogor
Probas dos socorristas de Marín na praia de Mogor / Mónica Patxot

Superado o mes de agosto e con el a tempada de maior afluencia de bañistas ás praias, o Concello de Marín fixo balance das actuacións do servizo de socorrismo habilitado nos areais.

Segundo explica o goberno local durante o último mes os profesionais de salvamento realizaron un total de 481 intervencións nas praias de Portocelo, Mogor, Aguete, Loira e O Santo.

Delas 160 tiveron lugar en Aguete entre os seus dous tramos, 139 en Mogor, 105 en Portocelo, 104 en Loira e por último no Santo rexistráronse 75.

Dentro das atencións menores típicas do verán, destacan as picaduras de faneca (95), as feridas (189), picaduras de avespas (29) ou avisos pola presenza de cans (56). As estatísticas menores completáronse con 38 avisos a embarcacións, 29 avisos a pescadores e 2 escordaduras.

Pola súa banda tamén se atenderon sucesos de maior consideración con dous rescates acuáticos en Loira e tres en Mogor, catro lipotimias, interveuse na perda de catro menores de idade e atendéronse dúas patoloxías cardíacas en Loira, o mesmo día, que necesitaron da asistencia de senllas ambulancias medicalizadas.