Os socorristas de Xiorto e Cabeceira atenderon 59 incidencias durante o mes de xullo

Poio
04 de agosto 2021

O mal tempo rexistrado durante varias xornadas fixo que o número de intervencións descendese con respecto ao mesmo período de 2020. O tratamento de golpes, feridas e cortes foron as principais incidencias rexistradas

Socorristas na praia de Cabeceira
Socorristas na praia de Cabeceira / Concello de Poio

O servizo de socorrismo que permanece operativo desde o principio da temporada estival nas praias de Xiorto (Raxó) e Cabeceira (Lourido), e que está composto por seis profesionais, atendeu un total de 59 incidencias ao longo do mes de xullo. 

Esta cifra supón un importante descenso con respecto ao mesmo período do ano pasado, cando se trataron preto dun cento de actuacións. Isto quere dicir que as devanditas actuacións víronse reducidas en máis dun 40%. 

Ademais de tratarse de areais que, polas súas características, adoitan a ser zonas tranquilas e seguras, neste caso tamén influíron as condicións meteorolóxicas. O mal tempo rexistrando durante boa parte do mes reduciu de xeito drástico as xornadas de calor e, por engadido, a presencia de bañistas.

As 59 incidencias se reparten case de xeito equitativo entre ambas praias, sendo a de Xiorto a que rexistrou unha maior actividade neste sentido, con 31 actuacións. Preto do 50% corresponderon ao tratamento de golpes e feridas sufridos por bañistas. Ademais, tamén foi preciso curar oito cortes de pouca consideración. As incidencias na praia da parroquia de Raxó completáronse con cinco picaduras de faneca e outras tantas de insectos. Tamén se procedeu ao rescate dunha persoa.

Con respecto a Cabeceira, os tres socorristas que prestan servizo neste areal tiveron que intervir en 28 ocasións. Ao igual que en Xiorto, a maioría das actuacións corresponderon a curas de feridas (11) e cortes (7). As picaduras de fanecas e insectos quedaron nun segundo plano, con seis e catro, respectivamente. O Concello lembra que o servizo de socorrismo nestas praias continuará activo ata finais do vindeiro 30 de setembro.