Os traballadores da limpeza da Brilat e da Escola Naval de Marín estudan protestas ante os impagos

Pontevedra
13 de novembro 2014

A empresa Cleanet e o ministerio de Defensa chegaron a un acordo para que os traballadores cobren o salario de agosto e de setembro antes do 21 deste mes, o de outubro antes do 15 de decembro e o dos últimos meses do ano durante 2015, una situación que, segundo a CIG, os traballadores non están dispostos a aceptar

Diana Rodríguez e Marcos Cadórniga, de CIG-Servizos
Diana Rodríguez e Marcos Cadórniga, de CIG-Servizos / PontevedraViva

Os atrasos nos pagamentos das últimas nóminas dos corenta traballadores de Cleanet, empresa que realiza o servizo de limpeza na Brilat e na Escola Naval de Marín, levarán ao persoal a estudar mobilizacións nunha asemblea prevista para o luns 17.

Diana Rodríguez e Marcos Cadórniga, de CIG Servizos, lamentaron na mañá deste xoves 13 que a empresa e o ministerio de Defensa acordaron, sen ter en conta os representantes sindicais, que a nómina que se debe de agosto se pague antes de 72 horas mentres que a de setembro se abonaría antes do 21 de novembro, mentres que a de outubro se pagaría o 15 de decembro; mentres que a de novembro e a de decembro se achegaría ao longo de 2015.

Diana Rodríguez indicou que se está a incumprir o acordo alcanzado no Consello de Relacións Laborais (AGA), que provocara a desconvocatoria dunha folga dos traballadores. Ante esta decisión acordada sen ter en conta os traballadores, o plantel decidirá se inicia un calendario de protestas durante a asemblea.

Dende a CIG sinalan que a contratación do servizo se encontra centralizada en Madrid e apuntan que a empresa acaba de asinar unha prórroga ata xuño a pesar dos problemas que está a xerar en distintos puntos de España.