Os traballadores da empresa Cleanet, adxudicataria da limpeza das dependencias militares da comarca de Pontevedra, segue sen cobrar os tres salarios que tiñan pendentes e continúa coas súas reivindicacións. A próxima será este luns 29 de decembro e consistirá nunha xornada de folga. Xa convocaran unha no mes de outubro, pero desconvocouse no último momento.
O persoal aproveitará a xornada para realizar unha concentración diante da Subdelegación do Goberno e manifestarse polas rúas da cidade para reclamar o pago dos tres salarios pendentes, segundo informou o sindicato CIG.
O paro afectará á Escola Naval de Marín, ao cuartel da Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) e á residencia militar e as instalacións deportivas de Campolongo. O persoal de Cleanet concentrarase nas instalacións deportivas a partir das 10.00 horas para partir en manifestación ata a Subdelegación do Goberno español, a onde teñen pensado chegar arredor das 11.30 horas.
Con posterioridade, ás 12.00 horas, levarán a cabo unha asemblea no local da CIG da rúa Pasantería para decidir as próximas mobilizacións para reclamar o pago das tres mensualidades pendentes. Dende a federación de Servizos da central nacionalista denuncian que continúan sen "saber nada" nin da empresa nin do Ministerio de Defensa, responsables dun conflito laboral que xa motivou a convocatoria de paros con anterioridade.