Os traballadores de Atención Primaria denuncian a falta de substitutos

Pontevedra
03 de agosto 2019

Estes traballadores reclamaron á xunta de persoal da área sanitaria que "tome cartas no asunto" e poña fin ás horas extras e obrigadas nas xornadas de descanso dos traballadores  

Sala de espera do centro de saúde da Parda
Sala de espera do centro de saúde da Parda / Mónica Patxot

"A Parda quedou sen un médico pola tarde e sen un pola noite, un deles trasladado ao PAC de Baltar, en Portonovo". Unha vez máis os traballadores dos Puntos de Atención Continuada (PAC) reiteran a situación que están a vivir nalgúns centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra.

Igualmente informaron que o PAC de San Roque, que atende as urxencias de primaria de toda a poboación de Vilagarcía de Arousa, Vilanova e Catoira, volveu quedar durante a noite do xoves cun só médico de garda, xa que o outro profesional foi derivado para o centro de saúde do Grove, que quedou sen facultativo por indisposición do titular.

Estes traballadores reclamaron á xunta de persoal da área sanitaria que "tome cartas no asunto" e poña fin ás horas extras e obrigadas nas xornadas de descanso dos traballadores.

No caso de Ribadumia o grupo municipal socialista convocou aos veciños a unha concentración en protesta para o mércores 7 ás 12 horas fronte ao centro de saúde pola "lamentable situación" da atención primaria neste  concello cun só facultativo que atende a máis de 115 pacientes por día e agora está tamén sen pediatra.

Pola contra, desde a Xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra contrarrestan estas denuncias destacando que a Atención Primaria é a mellor valorada na sanidade pública con máis de 2.750.000 consultas satisfactoriamente atendidas nesta área sanitaria.