A portavoz do grupo municipal socialista en Sanxenxo, Ainhoa Fervenza, denunciou o "desinterese" do alcalde, Telmo Martín, pola escaseza de persoal no PAC de Baltar.
Este centro de saúde ven sendo escenario de continuas protestas e manifestacións para denunciar a falta de recursos humanos e a "explotación" dos profesionais de garda e do persoal sanitario de Atención Primaria.
Ainhoa Fervenza animou a que, igual que fixeron os conselleiros de Turismo e de Industria, se achegue a Sanxenxo o conselleiro de Sanidade "pero non de visita se non a someterse á demora para a obtención de citas, ou ás interminables esperas do servizo de urxencias", comentou a líder do PSdeG-PSOE de Sanxenxo.
A portavoz socialista reclama ao goberno local "que esixa unha solución estable para a saturación estival deste centro", xa que "é responsabilidade do Concello garantir que se cubran as necesidades da súa poboación, tanto da empadroada como da itinerante", dixo Fervenza.