Os traballadores de Elnosa piden "enchufes" ante o Concello de Pontevedra

Pontevedra
30 de outubro 2015

Empregados da electroquímica acompañados polos seus fillos concentráronse durante unha hora ante a Casa Consistorial para reclamar ao alcalde que apoie a permanencia da factoría e lembrándolle a investigación da Operación Patos

Os traballadores de Elnosa concentrados ante o Concello
Os traballadores de Elnosa concentrados ante o Concello / PontevedraViva
Os traballadores de Elnosa piden a defensa dos postos de traballo ante o Concello /

Os traballadores de Elnosa tiraron de humor reivindicativo e ironía para manter o seu calendario de protestas en defensa dos seus postos de traballo cunha concentración ante o Concello de Pontevedra durante unha hora no que instalaron uns pequenos parrulos de goma na calzada. O máis grande levaba debuxado o nome de Lores.

Con esta referencia á Operación Patos, o presidente do comité de empresa de Elnosa, Avelino García, quería lembrarlle ao alcalde que "se el quere pechar Elnosa, que nos enchufe" e a continuación, xa en ton máis serio, lembraba que o que queren é que a empresa cumpra coa legalidade e que desde o goberno local os deixen traballar en Lourizán.

Avelino García recoñeceu que a Xunta de Galicia está a manter contacto coa empresa pero necesitan unha solución antes de finais de 2017. Desde o comité de empresa insisten en que a dirección da electroquímica está disposta a realizar un cambio de tecnoloxía na actual localización pero sempre que se lle garanta a permanencia.

Neste sentido, o máximo representante dos traballadores lamentou que Fernández Lores non reciba á dirección de Elnosa, que vén reclamándolle unha entrevista durante as últimas semanas: "Que non está dacordo? Vale, pero polo menos que os reciba", indicou Avelino García asegurando que a empresa non entende esta actitude.

Os traballadores aproveitaron esta xornada sen actividade escolar para solicitar unha hora de asemblea á empresa para realizar esta protesta ante o Concello: "as concentracións facémolas cando temos a oportunidade de contar co apoio dos familiares. Detrás dos empregos hai críos que van quedar sen sustentos", afirmou Avelino García.

Arquivado en