Os traballadores de ENCE cren que o PSOE "chega tarde" coa proposta de referendo sobre a pasteira

Pontevedra
13 de xullo 2015

O presidente do comité, Pedro Soto, mantivo un reunión co voceiro municipal do PSOE, Agustín Fernández, e aclarou que "non é que non sexa partidario de que a sociedade poida decidir", senón que considera que hai decisións que debe adoptarse a nivel técnico e, neste caso, os estudos socieconómicos sobre o impacto da continuidade ou o peche da pastera "non os ten a sociedade, téñenos as administracións"

Reunión entre o grupo municipal do PSOE e o comité de empresa de Ence
Reunión entre o grupo municipal do PSOE e o comité de empresa de Ence / Cristina Saiz

Os traballadores de Ence consideran que o referendo que propón o grupo municipal do PSdeG-PSOE sobre a continuidade da pasteira en Lourizán más alá do ano 2018 "chega tarde" e carece de xustificación, pois trátase dunha decisión que non debería sair da cidadanía, senón das administracións e técnicos.

"Hai decisións que teñen que tomar sempre os políticos e buscar os cauces necesarios para chegar a entendemento", valorou o presidente do comité, Pedro Soto, tras manter unha reunión de máis dunha hora co portavoz municipal do PSOE, Agustín Fernández. O sindicalista, de UGT, aclara que "non é que non sexa partidario de que a sociedade poida decidir", senón que considera que hai decisións que deben adoptarse a nivel técnico e, neste caso, os estudos socieconómicos sobre o impacto da continuidade ou o peche da pasteira "non os ten a sociedade, téñenos as administracións", de modo que "non se pode deixar nas mans dos cidadáns". 

Tanto Pedro Soto como Agustín Fernández valoran como positiva a reunión deste luns entre representantes socialistas e membros do comité de empresa de Ence no senso de que "falar e ter este tipo de contactos sempre é bo", pero discrepan sobre a oportunidade de facelo neste momento. O representante dos traballadores lamenta que non se teña producido antes, pois "a pena é que este tipo de contactos non se teñan levado a cabo dez anos para acá". 

"Aquel era o momento de facelas e non agora", considera Pedro Soto, que opina que "as cousas hai que pensalas antes" e nestes momentos "non procede poñer atrancos e paus nas rodas á concesión de Ence". Ao igual que no caso da consulta popular, o sindicalista tamén cre que a proposta socialista de elaborar un estudo socioeconómico sobre o impacto da permanencia ou peche da factoría "chega tarde". 

Agustín Fernández quixo insistir en que este tipo de reunións debería auspicialas o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, "porque os traballadores das auxiliares e de Ence tamén son veciños de Pontevedra", pero, como el non o fai, "alguén ten que dar o primeiro paso" e teñen decididido dalo eles. Nos próximos días promoverán novos encontros con sindicatos e empresarios.

Na súa opinión, é necesario que "con carácter urxente" se elabore un plan estratéxico que permita ter unha visión global de cal sería a Pontevedra do ano 2019 e as consecuencias socioeconómicas que tería a permanencia de Ence, pois "non se pode falar dun modelo de cidade se non sabemos como vai ser a nosa cidade no ano 2019 a nivel socioeconómico". Aos socialistas a situación que "máis nos preocupa" é a dos traballadores da pasteira.