Os traballadores de quioscos afectados polo ERE extintivo, sorprendidos pola decisión empresarial

Pontevedra
31 de outubro 2014

Os once traballadores da cidade de Pontevedra participarán nunha asemblea a vindeira semana tras enterarse polos medios de comunicación da decisión da Rede Galega de Kioscos do despedimento
 

Quiosco situado en Rosalía de Castro Mónica Patxot

Once traballadores con discapacidade, encargados de xestionar os catro quioscos adxudicados a Cogami na cidade de Pontevedra, aínda non saen do seu asombro ante a decisión da Rede Galega de Kioscos (RGK) de iniciar un expediente de regulación de emprego extintivo, que suporá o peche do negocio.

Na mañá deste venres 31 de outubro, os quioscos pertences á RGK xa non recibiron exemplares de la prensa diaria para a súa distribución debido á suspensión de pagamentos.

Os empregados mostran o seu temor a falar publicamente sobre esta decisión pero afirman que non entenden as causas económicas alegadas pola RGK. Segundo indican, as súas nóminas son de 640 euros mensuais e traballan por quendas salvo durante a fin de semana cando teñen que realizar xornadas completas, polo menos, un dos dous días. Afirman que, neste período do ano, é cando máis se vende e afirman que detectaron a crise nunha medida similar á de calquera outro negocio.

Móstranse especialmente estrañados porque ninguén lles comunicou a decisión empresarial nin lles adiantaron a situación económica na que se encontraba a RGK. Apuntan que unha empresa que recibe axudas da Administración polo feito de ofrecer emprego a persoas con discapacidade, debería ter outro tipo de trato cos seus empregados.

Representantes do sindicato UGT puxéronse en contacto, ao longo da xornada deste xoves 30, cos traballadores para convocalos a unha asemblea que se desenvolverá a próxima semana e na que está previsto que se estuden alternativas para poder continuar xestionando os catro quioscos dependentes de Cogami na cidade.