Os traballadores de subcontratas de Telefónica-Movistar maniféstanse por Pontevedra tras un mes en folga

Pontevedra
12 de maio 2015

Organizaron unha caixa de resistencia que financian a través da venda de bonos e de camisetas para manter a folga indefinida motivada polas condicións "abusivas" que se lles impoñen no desenvolvemento do seu traballo  

Protesta de traballadores de Liteyca, subcontrata de Telefónica
Protesta de traballadores de Liteyca, subcontrata de Telefónica / Cristina Saiz

Os traballadores da empresa Liteyca, subcontrata de Telefónica-Movistar en Pontevedra, levaron a cabo un acto de protesta este martes 12 ante as oficinas da tenda de Movistar en Benito Corbal para despois realizar unha manifestación partindo das instalacións de Telefónica ata a Peregrina.

O persoal cumprirá este mércores 13 un mes en folga debido ás condicións "abusivas" que sofren con horarios laborais excesivos e a falta de cumprimento do convenio. Denuncian que as empresas fan trampas nas súas nóminas descontándolles diñeiro do salario como anticipos que non chegan a cobrar. Nestes momentos, as negociacións coa empresa encóntranse rotas. Santiago Pazos, voceiro destes traballadores, afirma que dende Telefónica se está a recorrer a empresas doutras zonas para cubrir o traballo que non se está a facer con motivo do paro das empresas subcontratar. Ademais, indicou, tamén que a propia empresa de Telefónica distribuíu traballadores das oficinas para que realicen labores de rúa, coa reparación de avarías ou a instalación de liñas.

En todo caso, estes traballadores en folga recordan que o atraso na atención aos clientes segue sendo notable e sinalan que cando o técnico de Telefónica acode en busca do cliente non lles ofrece a verdadeira razón da tardanza no servizo e se alega, por exemplo, que se produciron moitas altas nos últimos días.

Santiago Pazos indicou que os empregados de Liteyca puxeron en marcha unha caixa de resistencia financiada coa venda de camisetas e de bonos coa intención de poder manter esta folga indefinida. "Nós o que queremos é dialogar" sinala o voceiro, "a pelota está non tellado da empresa" apunta, mentres despregan unha pancarta denunciando que "Telefónica escraviza as súas contratas".