Os traballadores de Viaqua, ante os recortes que propón a empresa, piden ao Concello a defensa dos seus dereitos

Pontevedra
08 de abril 2015

Un grupo de representantes sindicais concentráronse na mañá deste mércores na praza da Peregrina para evitar recortes salariais na negociación do convenio coa empresa concesionaria do servizo de auga

Concentración de representantes sindicais de Viaqua Mónica Patxot

Un grupo de representantes sindicais e membros do comité de empresa de Viaqua tiñan previsto concentrarse ante a sede desta empresa en Pontevedra na rúa Padre Luis. Alí encontrábase un coche da Policía Nacional para evitar incidencias. Pero os traballadores, convocados por CIG e CC.OO., decidiron realizar o acto de protesta na praza da Peregrina, afastados da sede.

Alí manifestaron o seu malestar contra a empresa concesionaria do servizo de augas de Pontevedra debido a que a dirección intenta empeorar as condicións do convenio que se está a negociar para toda Galicia.

Viaqua, antes coñecida como Aquagest, conta con 500 empregados na comunidade, en Pontevedra a cifra alcanza os 85 e os representantes sindicais denuncian que, nos últimos tempos, se reduciu o persoal, mesmo cun despedimento no concello capitalino.

Dende o comité de empresa apuntan que a dirección xustifica os recortes que queren aplicar no novo convenio debido á crise económica. Non obstante, dende os sindicatos indican que os datos de Viaqua non xustifican a intención da empresa de eliminar a antigüidade e os plus, despois da conxelación salarial que sofren dende 2013.

Por este motivo, reclaman o Concello de Pontevedra que defenda os traballadores e que prema á entidade: "A empresa xestiona este servizo público. Os traballadores somos os que máis estamos mirando para este servizo e a empresa está tentando evitar que ofrezamos un servizo público de calidade", indicaba Francisco Ayaso, membro do comité.

O persoal de Viaqua en Pontevedra está formado por traballadores cunha media de idade que rolda os 40 anos e contan cunha antigüidade que se sitúa entre 15 e 20 anos.