Os últimos participantes no Plan de Emprego Municipal incorpóranse aos seus postos de traballo

Pontevedra
16 de decembro 2014

Trátase de 51 persoas que se atopaban en paro e que acceden así a un contrato de media xornada e tres meses de duración  

Carlota Román dá a benvida aos bolseiros do Plan de Emprego municipal
Carlota Román dá a benvida aos bolseiros do Plan de Emprego municipal / PontevedraViva

Un total de 51 persoas que se atopaban en situación de desemprego incorporaranse aos seus novos postos de traballo este mércores dentro do Plan de Emprego que impulsa a Concellaría de Promoción Económica.

Trátase da segunda fase deste programa, iniciado o mes de novembro, dirixido a persoas en paro e empadroadas en Pontevedra, con prioridade aos menores de 30 anos e maiores de 50, aos parados de longa duración e ás mulleres vítimas de violencia doméstica.

Os 51 beneficiarios, que foron recibidos pola concelleira Carlota Román na Casa da Luz, acceden así un contrato de formación de media xornada nunha empresa da cidade por espazo de tres meses, polo que percibirán unha retribución de 375 euros ao mes.

Ao non tratarse dun contrato laboral as becas son compatibles coa prestación por desemprego.

A segunda fase do plan ten un orzamento de 60.000 euros, destinado aos gastos laborais e os seguros de accidentes e responsabilidade civil.

O Plan de Emprego Municipal chegou este ano a 181 persoas cun orzamento total que ascendeu finalmente a 210.000 euros.

Segundo revelou Carlota Román en 2013, despois do periodo de tres meses de formación, 33 persoas asinaron un contrato laboral coa mesma empresa á que foron destinados.