"Os valores do Camiño Xacobeo reforzáronse, facelo vai ser moi terapéutico"

Pontevedra
02 de xuño 2020

Os albergues do Camiño Xacobeo están pendentes dunha data para retomar a actividade. A Fundación de Amigos do Camiño Portugués ve na mobilidade entre as provincias galegas e a reapertura da fronteira con Portugal, os primeiros primeiros peregrinos en facer a Ruta.

Peregrinos polo Camiño Portugués
Peregrinos polo Camiño Portugués / Mónica Patxot

"O Camiño é esperanza, é liberdade. Tras estes meses de confinamento as persoas queremos saír, camiñar. O Camiño Xacobeo ten mil douscentos anos, pasou por guerras e pandemias e vai continuar. O que vai cambiar é o noso camiño, o que facemos, que vai ser con máis seguridade e cuns valores que se reforzaron: a solidariedade, a amizade, a axuda aos demais... o Camiño vai ser moi terapeútico". É a reflexión que fai Celestino Lores, presidente da Fundación de Amigos do Camiño Portugués.

De momento non hai resolución da Xunta para abrir os albergues de peregrinos. Se a partir do día 8 de xuño hai mobilidade entre provincias da mesma Comunidade "o Camiño Portugués xa pode facerse entre os galegos; e a partir de aí podería abrirse o albergue e facelo con toda a normativa sanitaria que se esixe" estima Lores, neste caso con maior rigor porque hai máis espazos comúns que noutros establecementos.

O seguinte avance chegará coa reapertura da fronteira portuguesa, "entón xa quedará practicamente reaberta toda a ruta". Outra data importante será o 25 de xullo, día de Santiago Apóstolo, para cando "o desexable é que todo o Camiño estea normalizado e póidase celebrar na Catedral, coas limitacións pertinentes, claro", desexa Lores.

"En principio non esperamos moitos peregrinos, empezaremos os de aquí para demostrar que todo está seguro, despois os veciños de Portugal e despois aos poucos irá normalizándose, aínda que desde logo non vai ser o que esperabamos", avanza. O ano pasado de 350 mil peregrinos que chegaron a Santiago, 90 mil fixérono polo Camiño Portugués, isto é peregrinos españois e portugueses na súa maioría. 

No que se refire ao albergue de Pontevedra, coa ampliación prevista contemplábase unha capacidade que podería roldar as cen persoas, pero nesta nova situación quedarían roldando as 30 persoas.

Tino Lores expón a posibilidade de realizar reservas nos albergues para garantir a hospedaxe e facilitar igualmente o traballo dos hospitaleros. Interese por peregrinar a Santiago de Compostela hai porque lle están pedindo información desde Francia ou Italia; pero en calquera caso o que descartan son cifras masivas como cabería pensar cando se pecharon as cifras do pasado ano.