Os veciños da Eiriña reclaman ao Estado que adecente o vello cuartel da Garda Civil

Pontevedra
25 de maio 2016

A Asociación de veciños do barrio da Eiriña entregou este mércores na Subdelegación do Goberno un escrito acompañado por 828 firmas no que reclaman ao Miniterio de Interior que adecente o vello cuartel da Garda Civil nas rúas Loureiro Crespo e Casimiro Gómez

Antiga Comandancia da Garda Civil en Pontevedra
Antiga Comandancia da Garda Civil en Pontevedra / PontevedraViva

A asociación de veciños do barrio da Eiriña entregou este mércores na Subdelegación do Goberno un escrito acompañado por 828 firmas no que reclaman ao Ministerio de Interior que adecente o vello cuartel da Garda Civil nas rúas Loureiro Crespo e Casimiro Gómez.

No seu escrito os veciños expoñen a súa "preocupación polo estado de abandono, inseguridade e insalubridade" deste edificio.

En consecuencia solicitan á administración do Estado a "limpeza e mantemento" dos terreos circundantes a este inmoble, ademais do "coidado, limpeza e mantemento do edificio", segundo explicou o presidente desta asociación, Jesús Cazorro, para "evitar a imaxe negativa que presenta na actualidade".

Tamén piden o control do acceso ao edificio para impedir a súa ocupación por persoas "que acumulan lixo, o que crea un grave risco de inseguridade e de incendio".

Finalmente os veciños da Eiriña instan o Ministerio de Interior a que tramite unha proposta de novo uso destas instalacións, "estudando a posibilidade de destinalo a unha nova sede da Policía Nacional".

O Concello tamén recolleu unha copia destas queixas veciñais e, segundo explicou o concelleiro de Obras Urbanas e Mobilidade, Luís Bará, tamén solicitará á administración central medidas neste mesmo sentido.

Bará tamén asegurou que o Servizo de Disciplina Urbanística ten aberto un expediente administrativo para garantir que o Estado acometa as medidas necesarias para corrixir a situación actual e evitar desprendementos á vía pública.