Os veciños de Eduardo Pondal homenaxean a Nené González polo Día da Muller

Pontevedra
15 de marzo 2018

A homenaxe está prevista a partir das 12.00 horas deste sábado 17 no Centro Social do Gorgullón e quere recoñecer a súa "recoñecida traxectoria na vida social pontevedresa" e as súas achegas en relación coa asociación veciñal 

Nené González, de branco, nunha marcha contra Ence convocada pola APDR.
Nené González, de branco, nunha marcha contra Ence convocada pola APDR. / PontevedraViva

A asociación veciñal de Eduardo Pondal renderá homenaxe este sábado á histórica activista e dirixente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) Leonor González Prieto, máis coñecida como Nené.

A homenaxe está prevista a partir das 12.00 horas deste sábado 17 no Centro Social do Gorgullón e quere recoñecer a súa "recoñecida traxectoria na vida social pontevedresa" e as súas achegas en relación coa asociación veciñal.

A asociación veciñal destaca que Nené González distinguiuse sempre pola "defensa máis xusta, confortable e sen contaminación". No ano 1987 xa formaba parte de xunta xestora da APDR e desde o ano 1989 foi vicepresidenta e presidenta.

Xa no ano 1990 comezou a destacar pola súa colaboración con diferentes asociacións, unha implicación que a fixo merecedora do premio COGAVE (Confederación Galega de Asociacións de Veciños) e que tamén a levou a colaborar co colectivo veciñal de Eduardo Pondal, no que participou activamente dende entón como socia.

Este colectivo cumpre xa tres anos facendo unha homenaxe anual ás mulleres con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O recoñecemento a Nené dá continuidade no tempo a este proceder. 

A cita deste sábado 17 inclúe unha charla coloquio da homenaxeada, a entrega dun agasallo homenaxe á muller da asociación e petiscos coa homenaxeada e os participantes.