Os veciños de Lourizán apostan por restablecer o campo de fútbol derrubado e logran o apoio de C's, PP e PSOE

Pontevedra
24 de xaneiro 2016

Os portavoces municipais do PSOE, PP e C's, Agustín Fernández, Jacobo Moreira e María Rey acudiron á asemblea, así como tamén a concelleira de Marea Pontevedra Carmen Moreira, se ben esta última non deu o seu apoio aos veciños na súa demanda. Si está dacordo en que hai que devolverlle aos veciños o servizo que lles foi arrebatado, pero non na mesma ubicación, senón noutra que habería que buscar

Reunión de veciños de Lourizán organizada polo San Andrés Club de Fútbol
Reunión de veciños de Lourizán organizada polo San Andrés Club de Fútbol / Diego Torrado

Os grupos municipais de PP, PSdeG-PSOE e Ciudadanos (C's) deron este sábado o seu apoio explícito aos veciños de Lourizán nas súas reivindicacions en relación co campo de fútbol da parroquia, levantado en terreos de Costas e que a empresa Ence comezou a derrubar esta semana. Representantes dos tres partidos acudiron á reunión convocada polo San Andrés Club de Fútbol de Lourizán para falar sobre o campo, na que os veciños acordaron demandar que estas instalacións deportivas deben volver levantarse na mesma ubicación. 

Os portavoces municipais do PSOE, PP e C's, Agustín Fernández, Jacobo Moreira e María Rey, acudiron á asemblea, así como tamén a concelleira de Marea Pontevedra Carmen Moreira, se ben esta última non deu o seu apoio aos veciños na súa demanda. Si está dacordo en que hai que devolverlle aos veciños o servizo que lles foi arrebatado, pero non na mesma ubicación, senón noutra que habería que buscar.

O presidente do club, Domingo Soto, que lamentou a ausencia do grupo municipal do BNG na reunión, resumiu que a intención veciñal é buscar unha solución para recuperar un campo de fútbol digno e os asistentes queixáronse de que Lourizán carece de instalacións deportivas dignas. Ante tales manifestacións, os concelleiros da oposición agás Marea comprometéronse a defender as súas peticións no Pleno da Corporación. "Los partidos políticos tienen que estar al servicio de los vecinos y vecinas. Estando aquí toda la oposición deberíamos acordar que lo que vosotros decidáis será por lo que nosotros tengamos luchar en el Concello", indicou María Rey.

O Concello de Pontevedra xa anunciara nos últimos días que o grupo de goberno non asistiría á reunión dado que xa participou nunha reunión do Consello parroquial o 19 de xaneiro, que tivo unha duración superior ás tres horas, e na que estiveron representados todos os colectivos da parroquia, San Andrés incluído.

O concelleiro delegado da parroquia de Lourizán, Demetrio Gómez, explicou que nese encontro xa "quedou sobradamente clara a postura" de todos os participantes, entre elas a do Concello, que defende que "a Ence o único que lle interesa é a súa conta de resultados, e non os veciños de Lourizán en particular, nin os de Pontevedra en xeral". Na súa opinión,"isto está claro cando elimina o único servizo que prestaba aos veciños da parroquia de Lourizán".