O Usos Múltiples de Portonovo acollerá este xoves 29 a partir das 20.00 horas unha reunión promovida pola Concellería de Medio Ambiente de Sanxenxo cos veciños de Portonovo para explicar a posta en marcha do composteiro que se vai a instalar no parque do Espiñeiro.
Un mestre composteiro da Deputación explicará como se deben separar os residuos orgánicos nas súas vivendas para despois depositalos neste compostero e convertelos nun recurso reutilizable.
Nesta charla ofreceranse as primeiras nocións pero a partir da próxima semana comezará a estar operativo o composteiro e ofrecerase información in situ. O mestre compostero visitará durante varias horas cada día o parque do Espiñeiro para explicar como se desenvolve todo o proceso. Daranse os pasos necesarios para a obtención do compost a través da utilización de restos de poda que permitan osixenar os residuos.
Desde a concellería de Medio Ambiente lembran que a utilización da compostaxe permite aforrar en fertilizantes e na recollida de lixo, xa que se calcula que entre o 40 e o 50% dunha bolsa de lixo doméstico está formada por residuos orgánicos. Ao mesmo tempo, os promotores desta iniciativa sinalan que estas medidas axudarán a reducir o consumo de combustibles para o transporte, xa que haberá menos acumulación de residuos en vertedoiros e contribuirase a reducir os gases nocivos.