Os veciños de Praceres comezan as mobilizacións contra a ampliación da EDAR

Pontevedra
30 de setembro 2018

Este domingo comezaron cunha tarefa informativa repartindo documentación sobre o proxecto que eles rechazan á veciñanza da parroquia aproveitando a saida da misa dominical. Ao rematar, realizaron unha ocupación simbólica do campo de fútbol de Praceres desmantelado onde pretenden realizar a ampliación

Veciños de Praceres reparten información sobre a ampliación da depuradora á saída da misa
Veciños de Praceres reparten información sobre a ampliación da depuradora á saída da misa / Diego Torrado

Un grupo de veciños da Plataforma Non á Ampliación da Depuradora dos Praceres comezou este domingo as anunciadas mobilizacións públicas para manifestar o rexeitamento unánime da parroquia a que a Xunta de Galicia opte por ampliar a EDAR.

Os veciños decidiron en asemblea un calendario de mobilización continúa contra o proxecto presentado por Augas de Galicia que, logo dun aperitivo o pasado venres coa súa presenza no pleno da corporación municipal, deu un paso adiante con protestas públicas.

Este domingo comezaron cunha tarefa informativa repartindo documentación sobre o proxecto que eles rechazan á veciñanza da parroquia aproveitando a saída da misa dominical. Ao rematar, realizaron unha ocupación simbólica do campo de fútbol de Praceres desmantelado onde agora pretenden realizar a ampliación da depuradora.

Os seguintes pasos a dar serán unha rolda de contactos con partidos políticos, asociacións ecoloxistas e veciñais ou as confrarías na búsqueda de apoios. Ademais, esixen que cada partido se posicione claramente, xa que consideran importante que cada veciño sepa que partido apoia a ampliación e cal non cando vaia votar nas próximas eleccións municipais.

Desde a plataforma consideran que a solución non pasa por aumentar a instalación actual, sobresaturada, senón por diversificar o tratamento e que cada concello busque unha alternativa de depuración propia, que substitúa ao arcaico modelo de entubar todos os excrementos ata Lourizán.  

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora