Os veciños de San Roque denuncian ante o Concello o "olor a excremento de cabalos" que hai no barrio

Pontevedra
12 de agosto 2015

Trátase de "un feito desagradable" que "un ano máis vólvese repetir" segundo sinalan "sen que se poida apreciar intención ningunha de dar solución", afirma o presidente desta asociación veciñal, Sabino Martínez

Corrida de rexóns Diego Torrado

A Asociación de veciños de San Roque presentou no Rexistro do Concello de Pontevedra un escrito no que denuncian o "olor a excremento de cabalos" que hai no barrio.

Trátase de "un feito desagradable" que "un ano máis vólvese repetir" segundo sinalan "sen que se poida apreciar intención ningunha de dar solución", afirma o presidente desta asociación veciñal, Sabino Martínez.

Este problema "preocupa aos veciños" e tamén aos establecementos da zona, algúns dos cales optou por pechar durante dous días "ante a imposibilidade de poder traballar debido ao olor dos excrementos".

E é que transcorridos tres días dende a celebración da corrida con 'rejoneadores' na Praza de Touros estes malos olores "perduran" a pesar da limpeza con baldeo e chorreo con deterxentes que ata en tres ocasións realizou a empresa concesionaria do servizo de limpeza Cespa por requirimento desta asociación.

Os veciños de San Roque critican que "un ano máis" a rúa Nostramo Lourido se volveu converter "nunha corte de cabalos" para preto de 25 equinos.

Durante todo un día a rúa quedou cortada aos veciños de Campo da Torre, Nodales e os residentes de Nostramo Lourido, "quedando taponadas a porta de servizo e a do tendido 4" do propio coso taurino, unha circunstancia que os denunciantes non recordan que tivese acontecido en ocasións anteriores.

No suposto de acontecer unha emerxencia dende a Asociación de San Roque preguntan "como terían chegado Policía, Bombeiros, Ambulancias ou Protección Civil a unha destas rúas sen saída?".

Por estes motivos esta asociación solicita ao goberno local que dunha solución "a todas estas situacións perigosas, porque ademais de interromper o tráfico, pode ocasionar tamén problemas sanitarios ou accidentes con algún cabalo".