"Os veciños protestamos pola situación sanitaria. Non somos políticos"

Pontevedra
23 de xaneiro 2023

A Federación de Asociacións de Veciños Castelao convocou para este venres 27 de xaneiro ás oito da tarde unha concentración na Praza da Peregrina para chamar a atención sobre a situación sanitaria

Rolda de prensa da Federación de asociacións veciñais Castelao
Rolda de prensa da Federación de asociacións veciñais Castelao / PontevedraViva

A Federación de Asociacións de Veciños Castelao convocou para este venres 27 de xaneiro ás oito da tarde unha concentración na Praza da Peregrina para chamar a atención sobre a situación sanitaria.

"Esto non ten nada que cer coa política, esta é a queixa dos veciños", xustificou o presidente de Castelao, Juan Manuel Loureiro na rolda de prensa na que anunciaban a súa mobilización. "Os veciños protestamos pola situación sanitaria. Non somos políticos", insistiu.

Os dirixentes veciñais describiron a situación "frustrante" da Área Sanitaria de Pontevedra con falta de profesionais da medicina e a enfermería, con pacientes sen un facultativo designado, con interminables listas de espera, con centros de saúde sen médicos, entre unha longa lista de problemas que citaron.

Juan Manuel Loureiro explicou que despois de moito tempo escoitando o descontento de multitude de persoas "chegou o momento de que os veciños participemos dunha reivindicación colectiva" expresando colectivamente esta "queixa xeneralizada".

Desde a Federación Castelao responsabilizan da situación sanitaria á política que leva anos aplicando a Xunta "isto non xurdiu dun día para outro" senón que os xestores da Sanidade Pública "xa saben cara onde queren ir", segundo sinalou Juan Manuel Loureiro "estannos a levar para a sanidade privada". 

Por todos estes motivos que expuxeron convocan á cidadanía de Pontevedra a concentrarse este venres, ás 20 horas, na Praza da Peregrina.