Os viños de Pontevedra, Poio e O Morrazo poderían ter Indicación Xeográfica Protexida

Pontevedra
29 de novembro 2012

O Concello de Pontevedra faise eco da petición da Federación Provincial de Furancheiros e Viticultores de Pontevedra e solicita a Medio Rural que paralice o reparto dos dereitos de viñedo e revisión do rexistro vitícola

Vendima na adega Martín Códax durante o mes de setembro
Vendima na adega Martín Códax durante o mes de setembro

A Federación Provincial de Furancheiros e Viticultores de Pontevedra ten intención de solicitar a creación dunha Indicación Xeográfica Protexida de Viños da Terra para o concellos de Poio, Pontevedra, Redondela e a comarca do Morrazo.

Así o indica o Concello de Pontevedra nun comunicado no que anuncia que se acaba de facerse eco da petición da Federación Provincial de Furancheiros e Viticultores de Pontevedra e solicitar á Consellería de Medio Rural e Mariño que paralice o reparto dos dereitos de viñedo e revisión do rexistro vitícola.

Nesta petición, indícalle á Consellería que "semella procedente e de xustiza esperar a que se curse e resolva a referida solicitude para proceder ao reparto".

O alcalde solicita a "paralización do reparto dos dereitos de viñedo previsto coa simultánea apertura dun prazo para revisar o Rexistro Vitícola de Galicia, co fin de que os veciños interesados deste Concello, poidan elevar as correspondentes reclamacións para a corrección de erros, eivas, insuficencias, ou omisións no obxectivo de preservar o potencial vitícola deste concello e da súa bisbarra".

Segundo informa o Concello, os profesionais están preocupados polas consecuencias da inminente publicación da orde da Consellería sobre o reparto de 200 hectáreas de dereitos de viñedo da reserva galega que proceden da área de viñedos da comarca do Morrazo e dos concellos de Poio, Pontevedra e Redondela, que están fora de Denominacións de Orixe ou de Indicacións Xeográficas Protexidas, polo que non poden acceder aos dereitos de reparto.

A Federación estima que das máis das 1.800 hectáreas recoñecidas nestas áreas, están pendentes de rexistrar e identificar arredor dun 60%, o que pode supoñer un agravio comparativo para os viticultores da zona que non poden acceder ao reparto.