Os xaponeses apuntan ao albariño como o "acompañamento perfecto" para a súa gastronomía

Pontevedra
15 de setembro 2015

Cinco prescriptores nipóns, que participan nunha misión inversa ata o xoves, cataron este martes diferentes marcas de viño no Pazo de Mugartegui

Misión inversa de cinco prescriptores xaponeses á Denominación de Orixe Rías Baixas
Misión inversa de cinco prescriptores xaponeses á Denominación de Orixe Rías Baixas / D.O. Rías Baixas

A Denominación de Orixe Rías Baixas acolle desde este martes e ata o xoves a visita de cinco prescriptores xaponeses.

Profesionais de vendas de grandes almacéns, Manabu Saito, Harue Shirahama, Yui Higashikoba e Chisako Morimoto visitarán diferentes adegas. Ademais, aproveitando a época de vendima, terán a oportunidade de ver o proceso de elaboración do viño, e mesmo de probar mosto.

No seu percorrido, estarán acompañados por Chieko Konagaya, analista de mercados de alimentación e agricultura na Oficina Económica e Comercial da Embaixada de España en Tokio quen asegurou que "os viños de Rías Baixas son o acompañamento perfecto para a gastronomía xaponesa". Neste aspecto, indicou que xa se realizaron "varias accións promocionais en Xapón" para dar a coñecer esta versatilidade na cociña.

"A variedade albariño xa lle está soando aos xaponeses, sobre todo en Tokio", indicou a analista.

O principal obxectivo desta misión inversa é que, a través do coñecemento máis directo da denominación de orixe, os prescriptores participantes, que son compradores de grandes almacéns poidan ampliar a presenza dos viños de Rías Baixas en Xapón. "Moitos deles xa os coñecían, pero só comercializaban unha referencia".

As exportacións de viños de Rías Baixas practicamente triplicáronse entre 2006 e 2014, pasando de 33.817,50 a 94.642,50 litros.