Os xardíns das prazas de España e A Ferrería sumáronse este venres aos actos reivindicativos e conmemorativos organizados en Pontevedra con motivo do 25N, Día Internacional da Violencia contra as Mulleres, con sendas intervencións que se fan eco do lema central da campaña impulsada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller ('Xa abonda de minutos de silencio') e que lembran ás 1.074 vítimas mortais que o machismo se levou por diante dende que hai datos rexistrados (2003).
Deste xeito, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, a través do seu proxecto 'Xardíns que falan', volve empregar as zonas verdes da cidade, como xa fixera no marco da Semana do Orgullo LGTBI, para poñer de manifesto de xeito ben visible o posicionamento deste Concello.
Os xardíns, nos que se debuxaron dous grandes lazos a base de plantas e flores de cor morado (pensamentos), foron visitados pola tarde polo tenente de alcalde, Tino Fernández, e mailos concelleiros de Igualdade, Yoya Blanco, e Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes. Tal e como indicou este último, "se con anterioridade realizamos intervencións nas que se reivindicaba o Orgullo LGTBI ou se celebraba unha festividade como o Samaín, nesta ocasión queremos que eses emblemáticos xardíns servan para lembrarlles a todos os que pasen por aí que o machismo mata e que estamos fartos e fartas de ter que gardar minutos de silencio por cada vítima da súa violencia".
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade subliñou que as accións conmemorativas organizadas polo seu departamento e o CIM continúan adiante "coa celebración do Obradoiro de Autodefensa Ciberfeminista (que remata o xoves 26 de novembro) e a lectura do manifesto deste ano pola xornalista Sara Vila no Pleno da Corporación o vindeiro luns 23 ás 11:00 horas".
"O martes 24 de novembro pola mañá o CIM de Pontevedra distribuirá, en horario de 9:30 a 14:00 horas, as 1.500 mascarillas e 3.000 chapas que foron confeccionadas para este 25N. Para facer que cheguen a todo o mundo, imos repartir en principio unha mascarilla e dúas chapas por persoa", avanzou Yoya Blanco.
A mostra de 'Namórate de ti', na rúa da Oliva
Á marxe dos actos previstos para o propio mércores 25 de novembro en coordinación coa Deputación Provincial, a edil socialista precisou que a exposición de fotografía do taller 'Namórate de ti' terá como escenario "o último treito da rúa da Oliva, entre o edificio de Correos e a farmacia de Carmen Carballo". A intención de Blanco é inaugurar a mostra o venres 27 de novembro en compañía dalgunha das mulleres que participaron no obradoiro impartido por Patricia Maquieira e Tegra Gómez.