Corenta e unha mulleres foron asasinadas no que vai de ano. Son 1.074 crimes machistas desde 2003. E iso só os que figuran nas listas oficiais. E coa pandemia da covid-19, esta lacra non se detivo. Así o destacou a xornalista pontevedresa Sara Vila, a encargada de poñerlle voz ao manifesto do Día da Eliminación da Violencia Contra a Muller.
Ante toda a corporación municipal, que acordou o texto deste manifesto, Sara Vila reivindicou que "protexernos dun virus" non debe facer que a sociedade esqueza doutra pandemia, a da violencia machista, "que leva séculos matándonos"-
Como a actual situación sanitaria vai impedir que haxa concentracións nas rúas "para reivindicarnos vivas, unidas, libres e felices", a xornalista reclamou en nome de todas as mulleres de Pontevedra "algo tan básico como o noso dereito a vivir".
A violencia machista, desde os insultos e os menosprezos ata as malleiras, as violacións ou os asasinatos "non ocorren por casualidade e non son feitos illados", engadiu Vila, que incluíu nesta "realidade insoportable" a desigualdade salarial, o acoso nas rúas, a fenda dos coidados ou os teitos de cristal dun mundo "que segue a ser hostil para as nenas, as mozas e as mulleres".
"Estamos fartas de minutos de silencio. De feito, precisamos quebrar cos silencios cómplices na familia e entre a veciñanza", destacou Sara Vila, que apelou á importancia da educación e da formación afectivo sexual para combater esta lacra de xeito "inaprazable".
A xornalista pediu que os nenos conten "con referentes de masculinidade non tóxica", que promulguen a non violencia e a convivencia en igualdade coas súas compañeiras, para o cal recoñeceu que é "fundamental" homes que se planten fronte os agresores.
No mundo "que queremos construír", continua o manifesto, "non hai oco para os maltratadores nin para os seus cómplices" que, segundo insistiu Vila, "nunca serán bos pais".
"É posible saír do círculo da violencia. Non estamos soas e temos a responsabilidade de dar resposta a calquera sinal de alarma", subliñou a xornalista pontevedresa, que lembrou que as folgas do 8M demostraron "que xa non tragamos máis".
Tras reclamar o compromiso das administracións, Sara Vila asegurou que "queremos vivir en paz, que as rúas tamén sexan para nós de noite, que poidamos volver a casa sen finxir que falamos por teléfono, que poidamos quedar cun home sen medo a que non pare se non estamos cómodas e que estar bébeda non sexa escusa para violarnos".
"Queremos amor do que fai sorrir, do que non doe, que acompaña e nos fai máis fortes, non débiles. Amor sen límites da parella, das amigas, da familia e das veciñas. Esa é a mellor herdanza que poderemos deixarlles ás nosas nenas", concluíu.