Os xardíns da Praza de Galicia lucirán máis vistosos e coloridos

Pontevedra
24 de maio 2018

Operarios da empresa Ferroser comezaron a executar a mellora paisaxística da Praza de Galicia e todo o seu ámbito máis próximo. Esta intervención, que se estenderá ás rotondas de Augusto García Sánchez e da Praza da Liberdade, ten un custe de case 52.000 euros

Traballos de mellora dos xardíns da Praza de Galicia
Traballos de mellora dos xardíns da Praza de Galicia / Mónica Patxot

Operarios da empresa Ferroser comezaron a executar a mellora paisaxística da Praza de Galicia e todo o seu ámbito máis próximo. Esta intervención, que se estenderá ás rotondas de Augusto García Sánchez e da Praza da Liberdade, ten un custe de case 52.000 euros.

Os traballos, que teñen un prazo de execución dun mes, comezaron pola mellora do axardinamento da praza, onde se respectarán os macizos de hortensias e se completarán os xardíns coa colocación de novas especies de herbáceas, arbustos e bulbosas.

Así, plantaranse especies como acantos, daphne odora, sarcococca hookeriana, bergenia herbstblute, liriope muscari, helleborus, iris e narcisus barret browining.

O propósito é darlle maior vistosidade e colorido á praza. Unha vez rematada coa plantación, que se estima que será a finais da vindeira semana, comezarán os traballos para mellorar o rego para estas novas plantacións e as anteriores, e procederase a rexenerar o céspede dos parterres.

A última parte do proxecto será a intervención no pavimento terrizo da praza co propósito de solucionar os problemas de alagamento. Está previsto levantar os paseos centrais da zona axardinada e renovalos co fin de darlle solución aos charcos e acumulacións de auga.

Na actualidade estase a resolver o problema con novas achegas de xabre, pero o firme xa non drena o suficiente.

Coa renovación da praza de Galicia, tamén se actuará nas rotondas da avenida de Augusto García Sánchez e da Praza da Liberdade, onde se retirará a vexetación existente e se instalará un novo axardinamento, previa preparación do terreo.

Na zona, empregaranse plantas resistentes e perennes con múltiples floracións anuais. Tamén se mellorará o sistema de rego, que será por goteo na Praza da Liberdade.