Os xardíns de Pontevedra falan de feminismo e loita obreira

Pontevedra
10 de marzo 2022

A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, renova as composicións florais dos xardíns da Praza de España e da Praza de Ourense con dúas novas intervencións relacionadas co Día Internacional da Muller (8 de marzo) e o Día da Clase Obreira Galega (10 de marzo)

Intervención floral dos Xardíns que Falan na Praza de España con motivo do Día Internacional da Muller (8 de marzo)
Intervención floral dos Xardíns que Falan na Praza de España con motivo do Día Internacional da Muller (8 de marzo)

Os "Xardíns que Falan", o proxecto impulsado polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, para converter os xardíns do casco antigo de Pontevedra en elementos vivos, dinámicos e con mensaxe, volven alzar a súa voz e amosar o seu lado máis reivindicativo.

Así, con motivo deste 8 M, conmemoración do Día Internacional da Muller, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns levou a cabo a renovación das flores e plantas da intervención de katiuskas violetas que se instalara na Praza de España durante o pasado 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Tal e como explica Iván Puentes, "o que fixemos foi actualizala, cambiando a planta, pero mantendo o mesmo deseño, motivo e composición".

No caso dos Xardíns de Casto Sampedro (Praza de Ourense), Desenvolvemento Sostible realizou unha intervención con dúas bágoas de flores vermellas, diversos elementos que evocan á clase traballadora e unha bandeira de Galicia, coa que se pretende conmemorar o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega.

"A nosa intención é lembrar o acontecemento que deu orixe á declaración deste día, cando a policía franquista disparou contra unha protesta nos estaleiros ferroláns de Bazán, asasinando aos sindicalistas Amador Rey e Daniel Niebla e ferindo a medio centenar de manifestantes", sinala o edil.