Os xulgados da Parda contarán cunha sala de agarda para vítimas de violencia de xénero

Pontevedra
19 de xuño 2019

A Dirección Xeral de Xustiza está a traballar en colaboración coas Unidades de Vixilancia de Sedes Xudiciais (UVEX) para identificar as necesidades para estender a adecuación de espazos (mediante obra menor ou instalación de mobiliario) e protocolos para evitar a confrontación visual vítima-agresor 

Número 016, teléfono gratuíto de información e asesoramento ás vítimas da violencia de xénero Mónica Patxot

O actual edificio xudicial da Parda contará a curto prazo cunha sala de agarda para vítimas de violencia de xénero co fin de que poidan evitar a confrontación visual co agresor nos casos nos que ambos os dous coincidan á vez para algún trámite xudicial. 

De momento, non se concretou a data para a posta en marcha deste servizo nin a ubicación exacta. Fontes da Xunta de Galicia si que confirmaron a PontevedraViva que está decidido que se ubicará no actual edificio xudicial e non na nova sede dos xulgados que está en construción á beira. O motivo é que a xurisdicción penal quedará no inmoble actual. 

Estas mesmas fontes indicaron que a Dirección Xeral de Xustiza da Vicepresidencia da Xunta está a traballar en colaboración coas Unidades de Vixilancia de Sedes Xudiciais (UVEX) para identificar as necesidades para estender a adecuación de espazos (mediante obra menor ou instalación de mobiliario) e protocolos para evitar a confrontación visual vítima-agresor.​

 Na actualidade, as vítimas non contan cun espazo diferenciado, pero si que contan con outro tipo de recursos para a súa protección e para que non teñan confrontación visual co agresor. Entre outras, destacan as de carácter organizativo que adoptan as autoridades xudiciais (como a citación a horas distintas), ou os protocolos e usos das forzas e corpos de seguridade e dos propios funcionarios xudiciais para preservar a intimidade das vítimas.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, precisou semanas atrás, en resposta a unha pregunta parlamentaria, que este mesmo ano prevese a actuación en 12 sedes xudiciais; ás que se sumarán outras 12 o próximo ano e 12 máis en 2021.

Este ano haberá salas de agarda en Pontevedra e tamén nas outras seis grandes cidades galegas, Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense e Lugo. Tamén se levarán a cabo actuacións en Marín, Cambados e noutras localidades como Ordes, Bande, O Barco, Verín e Ponteareas. 

Ademais, a Xunta tamén está habilitando outras medidas e, no marco do Plan Senda 2020, prevé incrementar o número de salas de vistas con videoconferencia para que este sistema sexa un servizo básico para as declaracións das vítimas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora